É ben sabido que en todo conflito (guerra, sublevación, revolución) resultan feridas ou mortas persoas inocentes que, aínda non tendo participado directamente neses actos, sofren desafortunadamente as súas consecuencias.
Un deses casos é a protagonista do artigo de hoxe, Mª Victoria Areal Rodríguez, coñecida como Mimí. Filla dun matrimonio composto por Rogelio Areal (suboficial da Armada) e Remedios Rodríguez (costureira), formaba parte dunha familia moi extensa, de 14 irmáns.
Victoria morreu moi nova, aos 16 anos, na madrugada do 20 ao 21 de xullo de 1936. Segundo a prensa da época, ingresou xa cadáver no Hospital de Caridade con ferida “en la región mamaria y salida región escapular” (El Correo Gallego, 28 de xullo de 1936). Para escribir sobre esta vítima do franquismo, entrevistei á súa sobriña, Marisa, e a parella desta, Antón, o pasado mes de xaneiro.
O pai de Marisa, Jenaro, tiña o día do incidente 14 anos. Tanto el coma Mimí atopábanse na casa de Remedios –unha irmá maior–, nun edificio de dúas plantas, situado na rúa Rubalcava, esquina con Magdalena, que fora pensión. Estaban con eles tamén outros cinco nenos. Ese día as tropas do Rexemento de Artillería ocuparan as rúas da zona, producíndose diversas mortes entre a poboación ao intentar parar o golpe militar.
“Segundo o relato do meu pai, que foi testemuña presencial –conta Marisa– aproximáronse os nenos ás galerías para escoitar o tumulto; ao descorrer as cortinas, unha bala procedente dos soldados apostados na Praza de Armas, impactou no seu peito”. Non se tratou, pois, dunha bala que se perdeu de manera fortuíta nos enfrontamentos na rúa, senón que “os soldados apuntaron ás fiestras a unha distancia á que é difícil non ver o que ocorría na galería”, considera Antón.
Mimí non foi a única vítima dese suceso. Unha das sobriñas –Meri– tamén foi ferida, no seu caso no pescozo, do que manaba abundante sangue, pero non faleceu, podendo levar posteriormente unha vida normal. De feito, a bala que a feriu foi a mesma que, a continuación, penetrou no tórax de Mimí, saíu polas súas costas e se incrustou na madeira.
“Ao principio, ninguén se deu conta de que Mimí estaba ferida porque quedou como sentada, sen moverse. O meu pai dicía que ela levaba un vestido vermello e que por iso non se decataron da gravidade da situación”, explica Marisa.
Dacordo co relato familiar, os alí presentes sacaron un pano branco pola fiestra pedindo auxilio. Á súa chamada de socorro acudiron, en primeiro lugar, os veciños e, a continuación, os mesmos soldados que dispararan. Mimí foi evacuada ao hospital pero, desgraciadamente, nada se puido facer para salvar a súa vida.
O día do incidente o pai de Mimí estaba de baixa no hospital de Marina, en Esteiro. Non se enterou da morte da súa filla –porque non llo quixeron comunicar– ata 15 días despois do lutuoso suceso. Rogelio formaba parte da dotación do acorazado “España”. “Quizais por ter estado de baixa ese día, salvou a súa vida –engade Marisa–, xa que era un home de mentalidade liberal que, aparentemente, simpatizaba cos socialistas, aínda que non militaba”.
Non foi vítima de represalias durante a guerra, aínda que, despois de concluída, estivo detido por pouco tempo, por denuncias que posiblemente estaban relacionadas con alguén que envexaba o seu posto no barco onde servía. Pola súa banda, a súa muller –moi intelixente e ben relacionada en Ferrol– era curmán de Patrocinio, a muller do exalcalde de Cedeira, Manuel Fernández Freijeiro, fusilado no castelo de San Felipe en decembro de 1936.
Tanto Marisa coma Antón inciden na idea de que, aínda que este foi un suceso menor comparado con outros ocorridos neses aciagos días, foi un feito moi traumático que marcou a todos os membros da familia. “Antes de morrer meu pai, o meu fillo gravou un vídeo en 2014 no que seu avó, acompañado da súa esposa, Alicia, fai a narración do acontecido con Mimí, a partir das notas que recolleu nun diario persoal. Nestas memorias describiu durante anos acontecementos da época, feitos da súa vida e sucesos ocorridos na esfera internacional”.
Onde están enterrados os restos de Mª Victoria? Non podemos a día de hoxe contestar con rotundidade a esta pregunta. Segundo a información que obtivemos do Arquivo Municipal de Ferrol, no Libro de Rexistro de Enterramentos do Cemiterio de Canido (L-85) figura unha anotación que di que Mimí foi sepultada o 22 de xullo de 1936 no cadro 2º, un dos espazos dedicados ás inhumacións en terra. Pero non consta o traslado posterior do cadáver ao Cemiterio de Catabois, e tampouco se conserva ningunha documentación ao respecto.
Consultado o Negociado de Cemiterios, explican que un dos primeiros nichos de Catabois foi adxudicado ao pai, e que nel están depositados os restos deste, os da nai, e máis as cinzas dunha filla, pero non se pode afirmar fidedignamente –nin hai constancia documental– de que estas pertenzan a Mimí, polo que segue a haber un manto de misterio sobre a localización dos restos da finada.
Hoxe en día calquera analista de guerra diría, de maneira bastante pedante, que Mimí foi unha vítima “colateral” do conflito. Eu confésolles que a min esta palabra non me gusta moito polo seu carácter aséptico. Con todo, non podo estar máis de acordo co historiador Xosé Manuel Suárez cando afirma que ela “non foi vítima dunha bala perdida, [senón] dunha sublevación militar que logrou impoñer a vontade dun xeneral sobre a vontade dun pobo que só quería vivir nun réxime constitucional”.
Esa é a razón pola que, merecidamente, o nome de Mª Victoria Areal Rodríguez aparece inscrito –xunto outras 903 persoas– na base do Monumento ás Vítimas do Franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal, obra de Manuel Patinha, erixida hai agora un ano no Parque Antón Varela de Canido.
Mimí é unha desas vítimas inocentes asasinadas durante a “longa noite de pedra” franquista que, a falta dunha tumba onde podela visitar, xa ten en Ferrol un espazo de dignidade onde se lle honra e se lle recorda.