O negacionismo é una actitude que nega determinados feitos históricos ou naturais salientables. Inclúe con frecuencia cuestións no ámbito científico (o quecemento global, o cambio climático, a covid, a chegada do home a lúa ou a teoría do terraplanismo), pero tamén outras relacionadas coas ciencias sociais, que teñen un grande impacto sobre determinadas posicións políticas.
Este é o caso, por exemplo, do Holocausto xudeu. Algúns historiadores foron xulgados e condenados por negar a existencia das cámaras de gas e afirmar que a morte dos hebreos foi resultado da guerra, non dun exterminio organizado polo Estado alemán. En España, coñecidos políticos e intelectuais non negan –ata onde eu sei– a realidade do Holocausto xudeu, pero si o xenocidio palestino, minimizan certos feitos da Guerra Civil, están en contra da Lei de Memoria Democrática e branquean a ditadura franquista. Permítanme citar só algúns exemplos.
Alfonso Ussía, xornalista de El Debate, no seu artigo titulado “Tres vacíos de la venganza” comenta que a Desbandá –o éxodo de refuxiados, acontecido en febreiro de 1937 na estrada de Málaga a Almería, masacrados polo bando sublevado–, “no fue de civiles sino de Fuerzas Armadas republicanas […], que buscaron en Almería, todavía en manos de los despojos republicanos, su salvación”.
A inefable Isabel Díaz Ayuso, presidenta do PP de Madrid e da súa Comunidade, pide ás súas hostes non participar nos actos de conmemoración do fin da ditadura franquista e oponse a que o Goberno central declare a Real Casa de Correos –actual sede da Comunidade– Lugar de Memoria Democrática por ter sido centro policial e de torturas no réxime anterior.
Pero a realidade histórica é teimuda. Esto é o que escribe o historiador británico Paul Preston acerca da Guerra Civil e a posterior represión:
“En el conjunto de España, tras la victoria definitiva de los rebeldes […], alrededor de 20.000 republicanos fueron ejecutados. Muchos otros murieron de hambre y enfermedades en las prisiones y los campos de concentración […]. A más de medio millón […] no les quedó más salida que el exilio […]. Varios miles acabaron en los campos de exterminio nazis.
Todo ello constituye lo que a mi juicio puede llamarse el “holocausto español” (Paul Preston, El holocausto español. Odio y exterminio en la Guerra Civil y después, Penguin Random House, 2020, p. 17). Quen esto escribe é un señor de Liverpool, catedrático de Historia Contemporánea española, eminente hispanista, colaborador de diversos xornais e revistas, autor de innumerables libros sobre a Guerra Civil e o franquismo, Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica, nada sospeitoso de ser un furibundo comunista.
Os hipócritas patrios que se visten de negro e acuden, con cara compunxida, a Auschwitz a acender as candeas para honrar ás vítimas do Holocausto xudeu cada 27 de xaneiro, non teñen o menor problema en negarlles os mesmos honores ás vítimas do Holocausto español, a todos eses miles de fusilados e “paseados” cuxos restos aínda repousan en cunetas e fosas espalladas por todo o país. Atrévome a dicir que estes “negacionistas do noso” saberían situar perfectamente nun mapa os nomes de Mauthausen ou Auschwitz, pero terían problemas en atopar Pico Reja (foxa común no cemiterio de Sevilla), O Val (Narón), o campo de concentración de Los Almendros (Alicante) ou o de Camposancos (A Guarda).
Respecto á primeira maxistratura do país, debo dicir que me parece una actitude francamente hipócrita a adoptada por Felipe VI e a súa esposa, os cales visitan Auschwitz pero non condenan o franquismo, nin participan nas actividades do 50 aniversario da morte do ditador. “Lo de dejarse ver por Auschwitz es éticamente positivo, y lo de desaparecer de las conmemoraciones democráticas contra la dictadura franquista, absolutamente impresentable”, afirma Tomás Montero, coordinador da plataforma Memoria y Libertad. Pero hai que entendelo: que difícil ten que ser repudiar a “man amiga” a quen todo lle debes.
Recentemente, as declaracións do deputado do PP no Parlamento de Galicia, José Luis Ferro Iglesias, negando asasinatos e prácticas crueis e xenocidas na colonia penitenciaria de San Simón, causaron un grande escándalo entre os políticos e memorialistas da nosa Comunidade: “Que nós teñamos constancia tampouco sabemos que a día de hoxe, pola documentación que existe, de que houbera mortes na Illa de San Simón, salvo abusos do director daquel momento, do director da prisión, que foi pasado polo coitelo […] porque trataba mal os presos”. Un relato falso e ofensivo moi propio da ultradereita e da dereita que se autopercibe como “moderada” e “constitucionalista”. Porque non é verdade que non haxa documentación ao respecto.
Pódense consultar libros como Episodios de terror durante a Guerra Civl na provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil Moure, ou o documental Aillados. A memoria dos presos de 1936 en San Simón, dirixido por Antonio Caeiro, nos que constan 387 prisioneiros falecidos, cando menos oito deles fusilados. Ou, mellor, que lle pregunten ás familias dos seguintes, cuxos pasamentos están recollidos no Proxecto Nomes e Voces: Ramón Torreiro Rial (35 anos, labrego de Lalín, xulgado en Pontevedra por auxilio á rebelión, sentenciado a 16 anos de cadea, morto en San Simón o 26-6-1937 a causa de colapso cardíaco por lesión valvular; Ángel Rial Vidal (25, albanel de Cangas, detido en S. Simón, paseado o 13-11-1936); Pedro Marful Fernández (62, labrego de Mondoñedo, xulgado en Lugo, por adhesión á rebelión, condenado a cadea perpetua, falecido na illa o 16-6-1941).
Unha das consecuencias das palabras do deputado popular é a redacción do manifesto “A verdade non se debate”, por parte da Iniciativa Galega pola Memoria –asinado por recoñecidos investigadores e escritores galegos como Dionisio Pereira, Xosé Álvarez Castro, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Montse Fajardo ou Xosé M. Núñez Seixas–, no que reivindican a historia do campo de concentración de San Simón e manifestan o seu apoio á demanda, plantexada polo Concello de Redondela, para recuperar a Fundación Illa de San Simón. Destes negacionistas de dobre moral, subidos ao cabalo da “batalla cultural” contra a esquerda, pouco podemos esperar, desgraciadamente, agás cinismo e mala fe.