Que sería do universo infantil sen a música? Pois probablemente a nada. É a música o mellor instrumento de intervención temperá nos máis pequenos e xa é un tópico –demostrado cientificamente, por outra parte– que unha maneira extraordinaria de estimulación é pórlles música cando están no ventre materno.
Este traballo que xa presentaron hai uns meses Paco Nogueiras e Marc Taeger en Kalandraka é un recurso estupendo para a casa e para o colexio. O título “Son animal” non engana: un libro-disco cunha ducia de cancións protagonizadas por eses animais “da casa”: a vaca, o porco, o burro, o can, a galiña... E así até doce.
A escolla non é casual. Hoxe en día, aínda que pareza incrible, hai nenos e nenas, cativos e cativas, que non viron nunca en vivo e en directo a fauna doméstica das “aldeas”. É a consecuencia do cambio social, máis fondo do que puidera parecer: despoboamento, abandono do rural, falta de oportunidades... En “Son animal”, Paco Nogueiras reivindica ese mundo e faino da maneira que mellor sabe: creando, tocando e cantando para animar aos máis pequenos da casa a coñecer os habitantes ese mundo que esmorece.
Ten este libro-disco moitos aspectos interesantes. O máis destacado de todos pode ser o feito da diversidade de ritmos. Hai música tradicional galega e portuguesa, si, pero tamén electrónica, balada acústica, rock e mesmo rap. E músicas étnicas. Unha variedade de sons que enriquece este traballo que coa aportación do xermano-galego Marc Taeger, un dos ilustradores máis grandes do noso tempo, alcanza cotas de excelencia. Non deixen pasar a oportunidade porque, ademais de estimular o cerebro e os sentidos, botarán tamén unhas boas risas.