Remexidos variados

Á vista dos graves problemas que lle está a orixinar ás autoridades Canarias o volume de menores non acompañados que están a chegar ás costas en caiucos, ao goberno de España non lle quedou outra que chegar a un acordo co PP para o reparto nas diferentes comunidades -maioritariamente gobernadas por este- de 347 rapaces. Iso non significa que o Partido Popular se convertese, repentinamente, nun defensor da acollida os inmigrantes que chegan por ese procedemento ás illas, ou a diferentes lugares do sul peninsular, contradicindo ás claras o dito, na recente intervención ao respecto, polo señor Tellado, o seu portavoz no Congreso dos Deputados. Esa, tan comentada, na que falaba de mandar barcos de guerra a tentar impedir -obviando que non se lle poden poñer cancelas ao mar- a saída de embarcacións con migrantes de territorios de países africanos.


Unha vez que se chegou ao acordo, de xeito parece ser que sorpresivo, o señor Abascal, presidente de Vox, anunciou a inmediata ruptura de relacións co PP, como consecuencia da orde dada polo señor Núñez Feijóo, o presidente do partido, aos presidentes das comunidades autónomas presididas por membros do mesmo de que aceptasen o que o partido de extrema dereita considera unha imposición de Pedro Sánchez. Segundo Vox, como algúns presidentes non tiñan moi clara a bodade da medida, Núñez Feijóo decidiu chamalos individualmente para evitar calquera tipo de malentendido. O que non fixo o PP foi consultar con Vox a decisión que pensaba adoptar a respecto dos menores naquelas comunidades gobernadas en común e iso foi a pinga que encheu o  vaso e motivou a ruptura, que, tal e como dixo, antonte mesmo, Abascal, pode estenderse aos concellos, no caso de que estes colaboren activamente no reparto.


Mais non todas as persoas que ostentaban cargos en representación de Vox dimitiron dos mesmos. O vicepresidente do partido, o señor Buxadé, á vista destes casos manifestou que eran conscientes de que algún dos conselleiros ficase apegado ao sillón, tal e como fixeron un conselleiro de Extremadura -que decidiu darse de baixa en Vox- e outro, non afiliado, de Castela e León. A voceira de Vox na Asemblea de Madrid, a señora Monasterio, admitiu como lóxico que houbese persoas que non quixesen deixar o cargo, xa que en Vox, como en todos os partidos, había xente que se achegou á política para mellorar a súa vida, o que non era o seu caso, porque empeorou.


Frente aos non dimisionarios, os vicepresidentes de Aragón e de Castela e León declararon que dimitían porque tiñan conciencia e non estaban por sillóns. Non podían incumprir o deber de combater a inmigración ilegal.


O que vaia acontecer a partir de agora será o tempo quen o diga. Desde logo as cousas non semellan estar moi claras no conxunto dos grupos de extrema dereita con presenza no Parlamento Europeo. Os corrementos producidos nestes días son unha boa proba. A nova situación vai afectar, sen dúbida, á postura a tomar por cada un deses grupos nas institucións dos estados de onde proceden.

Remexidos variados

Te puede interesar

Silvia Salgado
José Castro López
Enrique Barrera Beitia
Silvia Salgado
José Castro López
Enrique Barrera Beitia