Por deformación cultural cremos que primeiro foi a palabra, pero seguramente o primeiro que houbo foi o ruído e despois este deu lugar ao son da música e á palabra.
E desde os tempos máis remotos hai unha loita sostida entre ambas as dúas. Tanto, que os instrumentos musicais eran obxecto de implicacións filosóficas e de intencionalidade política.
Platón desdeña a frauta e úsaa para explicar o proceso de dexeneración do pobo ateniense. Incluso considera que este instrumento de vento e outros eran os causantes do deterioro do teatro da súa época, sendo así consecuente coa súa propia cultura grega, dividida entre os seguidores de Apolo e os de Dionisio.
No primeiro caso, consideraban que os instrumentos de corda permitían o uso da voz, a diferencia dos instrumentos de vento que eran manifestacións populares que levaban á simple procura do pracer e á anarquía.
A hexemonía da palabra e do canto permitían, supostamente, reforzar o adoutrinamento do espírito e do seu carácter aristocrático. Deste xeito nace o “culto” fronte á “cultura popular”.
Ao final, coma sempre, as palabras nunca son inocuas. Serven para liberar ou para ocultar.
Todo depende de se están cimentadas na verdade ou na mentira.