Tempo de cocido

Estes días de vento e choivas parecen estar pensados para volverse sentar na mesa arredor dun bo cocido. Se algo somos os galegos, é o que comemos. Un xeito de entendérmonos como país, a nosa cultura e a nosa forma de pensar e estar no mundo. Un cocido galego é tamén un vínculo coa nosa historia común, con ese longo pasado onde na economía familiar aproveitaban todos os recursos: grelos, repolo, garavanzos, patacas, chourizo, lacón, costela, morro, orella de porco, cachola... e, para finalizar, as sobremesas típicas como os freixós e as orellas.


Outra das cousas deste manxar é esa especie de liturxia colectiva e popular que abre a tempada do Entroido, onde os colexios se adiantan á festa cos alumnos máis pequenos. O cocido galego é a escusa perfecta para o bon xantar cos amigos e charlas sobre calquera tema, e ningún. É o noso xeito de socializar.


Quizais nos últimos tempos, por mor da necesidade de ser sempre “produtivos” para gañarse a vida, estanse a perder aqueles feitos na casa. Por iso son tan importantes aqueles lugares que ofrecen tradición e calidade. Permítanme darlles envexa –espero que sa– e dicirlles que eu en Ferrol xa tiven a ocasión de compartir un bo cocido galego en Casalexo.

Tempo de cocido

Te puede interesar