The Teacher | Fai arte

"Dá o mesmo que critiquen a túa obra, que non te valoren: non te rendas"
The Teacher | Fai arte
De Kooning, no seu estudio en 1961 | Antony di Gesu (Smithsonian Institution Archives)

Hai xa moito tempo que desde este medio, Diario de Ferrol, pediron a miña colaboración. Por preguiza, deixei pasar un período abondo longo, mais souberon tocar o meu punto feble, o ego. Un bo profesional díxome que eu sabía transmitir, especialmente a un público mozo. Témome que en boa medida fracasei e que gran parte da xente que me poida estar lendo, igual ca min, xa ten unha certa idade. 


The Teacher encabeza sempre os meus escritos e, a verdade, unha das grandes honras e praceres que me dá a vida é ser profesor. Antes fun alumno e a maior aprendizaxe que me deron algúns mestres é amar o que fago e, sobre todo, o que poido chegar a facer. Sentir paixón pola arte como forma de entender a vida.

 

Son un convencido de que o entusiasmo é invencible, fai arte. Nun mundo tan difícil como o que nos toca vivir. Tan incomprensible en gran parte das paixóns que xera. Tan plano nas emocións que nos permite sentir, fai arte. É inevitable ver como aquelas rochas que se nos presentan como a nosa auténtica fortaleza se derruban. É imposible non apreciar como boa parte dos nosos soños se nos escurren entre os dedos. É lóxico sentirse mediocre, mesmo mezquino, na nosa contorna, fai arte.


Willem de Kooning foi un dos grandes pintores do século XX. Un dos líderes do denominado expresionismo abstracto, corrente que supuxo que o centro das artes plásticas mundial se trasladase da vella Europa a Estados Unidos despois da II Guerra Mundial. O noso creador, de Kooning, era holandés de nacemento. En 1926, con 22 anos, emigrou ilegalmente (xa ven vostedes) nun barco inglés á nova meca da cultura. Chegou a Nova York e empezou a gañarse a vida como pintor de casas, de brocha gorda, que se adoita dicir. 

 

Malia iso, continuou dedicando todo o tempo posible á súa carreira artística e, finalmente, atopou o éxito xunto con outros artistas como Pollock ou Kline nunha pintura non figurativa, violenta, expresiva, un auténtico combate físico contra o lenzo. O seu forte colorido, a súa potente pincelada e o impacto das súas composicións –en moitas aínda podemos recoñecer corpos femininos– convertérono, a xuízo de moitos expertos e ao meu modo de ver tamén, no máis brillante do grupo.


Willem enfermou de alzheimer nos anos 80 e un tribunal declarouno incapacitado para a administración do seu patrimonio, xa elevado, en 1989, polo que quedou baixo a tutela da súa filla. O artista necesitaba axuda para os labores máis cotiáns pero cada día se ergueu e seguiu pintando ata a súa morte en 1997


Hai diversidade de pareceres á hora de valorar os seus cadros deste período. Para moitos críticos son frouxos comparados cos da súa época máis recoñecida. Outros afirman que abriron camiños que seguiron moitos pintores posteriores, e algúns que o coñeceron simplemente sinalan que o seu entorno cercano llos quitaba antes de rematalos para vendelos, xa que era unha auténtica máquina de fabricar cartos. O único certo é que de Kooning fixo arte ata o final.


Un dos cadros da figura principal do impresionismo, Monet, “Impresión, sol nacente”, pintado en 1872, serviu para dar nome ao grupo, acabou os seus días con varias doenzas que dificultaban o seu traballo. A súa visión nos últimos anos era moi escasa por ter cataratas nos ollos. A súa percepción da cor, unha das súas grandes virtudes plásticas, resentiuse terriblemente, tendo grandes dificultades para recoñecer matices delicados, e só podía pintar en determinadas horas do día

 

Por outro lado, sufría artritis reumática, o que progresivamente afectou ás súas mans e pés. Quedou relegado a unha cadeira de rodas e chegou a traballar cos pinceis atados aos pulsos. Nesa época o artista creou boa parte da súa serie dedicada aos nenúfares, obras dunha beleza infinita e cuxa liberdade plástica tanto influíu na pintura posterior. A verdade é que Monet fixo arte ata o final.


Podemos pór infinidade de exemplos máis. Eu mesmo coñecín algún amigo que, desafiuzado polos médicos e cunha esperanza de vida de poucos meses, mudou o seu método de traballo na procura dunha maior rapidez, simplemente coa esperanza de poder dicir aquilo que sentía que aínda non conseguira expresar. El, coma tantos outros e outras, fixeron arte ata o final.


Permítanme, xa que son profesor, que me comporte como tal e ofreza una ensinanza ou un consello. É normal dubidar do noso talento, é necesario xulgar duramente o que facemos, é imposible non sentirse derrotado, pero ten confianza, fai arte


Dá igual que eu non te entenda, é o mesmo que non saiban apreciar o teu traballo. Dá o mesmo que critiquen a túa obra, que non te valoren: non te rendas, porque o máis probable é que ti teñas razón e, en calquera caso, terás algo que na nosa sociedade é un tesouro. 

 

Un espazo íntimo onde expresarte, un lugar para mostrar unha visión única e persoal do mundo e a vida; a posibilidade, tan escasa, de vivir un desafío e unha aventura cada día e, cando abras unha lata de espárragos, non poderás evitar sorprenderte da cor, da textura, da disposición ou da composición que presentan. Estás enganchado, tes una adicción. Aínda que non haxa motivos, fai arte. 

The Teacher | Fai arte

Te puede interesar