A programación do Concello de Neda para animar o Entroido deste ano comezou onte co festival de comparsas, o primeiro da comarca xunto ao certame de San Sadurniño, e continuará con outra cita no mesmo espazo, aínda que dirixida ao público miúdo. Ademais, para os maiores dedicarase unha nova edición da merenda-baile, o venres 14, e para o encontro interxeracional ofrecerase un cocido o domingo 9.
O pavillón municipal Ale de Paz é un dos núcleos desta celebración, que tras as actuacións de onte volverá acoller, no Martes de Entroido, unha xornada festiva pensada para os máis pequenos da casa. Este espazo abrirá as portas ás 17.00 horas para recibir ás familias, ás que se anima a caracterizarse, que terán unha chea de actividades á súa disposición, con entrada libre.
Inchables, un espectáculo de “cantabaila” e obradoiros de maquillaxe e chapas son algúns dos atractivos que acollerá o polideportivo, dende onde sairá o desfile até Os Subarrieiros, arredor das 19.30 horas. Este percorrido estará animado por Retumbatuke Percusión e, ao chegar ao destino, o alumnado da escola municipal de teatro infantil ocuparase da lectura do testamento. De seguido, queimarase o meco, que este ano volve ser unha creación do artista local Carlos García.
A seguinte cita do Entroido en Neda será a comida interxeracional, tamén no pavillón Ale de Paz, para a que é preciso retirar os tíckets na oficina de servizos sociais do Concello, antes do martes. O cocido servirase a partir das 14.00 e, ao rematar o xantar, sortearanse diferentes cestas entre os asistentes con produtos típicos destas datas.
Este encontro gastronómico, no que se agarda reunir a centos de veciños e visitantes, contará con música en directo. O prezo para residentes en Neda é de 22 euros, 10 no caso de ser menores de 14 anos e gratis se non cumpriron os seis. As persoas que doutras localidades terán o menú completo a 25 euros.
A merenda-baile da Terceira Idade despedirá o Entroido no centro cívico Ramón Millarengo, a partir das 18.00 horas, de xeito gratuíto para os residentes no concello, que poden anotarse na oficina de servizos sociais do Consistorio até o xoves. Se quedaran prazas dispoñibles, abrirase un novo prazo para as persoas procedentes doutros municipios, que deberán aboar 5 euros.
Na cita, que contará con música en directo, os asistentes poderán degustar unha gran variedade de produtos e doces típicos destas festas. Ademais, realizarase un sorteo de agasallos entre os participantes.