NESSUN DORMA | Alberto, escultor

Memoria en #Nordesía: Juan Galán recupera a figura de Alberto Sánchez Pérez, escultor de "Toros Ibéricos"
NESSUN DORMA | Alberto, escultor

O viaxeiro que se achegue a Moscova e que guste de dar unha volta polos cemiterios, pode visitar a tumba do escultor toledano Alberto Sánchez Pérez, enterrado no cemiterio de Vvedenskoye o 12 de outubro de 1962. Este vello recinto, construído en 1771 por mor da epidemia de peste que arrasou completamente a capital rusa, é coñecido como o Cemiterio Alemán. 

 

Ao principio acolleu só estranxeiros (homes de negocios alemáns e polacos, soldados napoleónicos, soldados alemáns da Segunda Guerra Mundial, artistas franceses e italianos…), pero, trala Revolución de Outubro de 1917, comezaron a soterrar alí a figuras soviéticas como bailaríns ou deportistas, membros da mafia, etc. No devandito camposanto tamén xacen os restos doutros exiliados españois que tiveron que fuxir despois da caída da Segunda República, como o xornalista e crítico literario José Santacreu Mansanet ou o médico e científico xerezano Juan Planelles Ripoll.


Alberto naceu en 1895 no seo dunha familia moi humilde: o seu pai era panadeiro e a súa nai criada. Nos seus primeiros anos de vida traballará como porqueiro e axudante dun carreteiro que repartía pan polas aldeas de Toledo. En 1907 marcha a vivir a Madrid, onde xa residía a súa familia. Na capital entra a traballar como aprendiz de escaiolista no obradoiro do escultor-decorador José Estanys. Tivo unha formación autodidacta (non puido acceder á Escola de Artes e Oficios), o cal non lle impediu establecer contacto cos círculos artísticos e intelectuais de Madrid.


O período de 1910 a 1913 é importante na vida de Alberto porque é cando se afirma a súa intención de ser artista e ingresa nas Juventudes Socialistas. A partir deste intre, concibirá, xunto ao seu amigo Francisco Mateos, proxectos e murais políticos de axitación e propaganda. Anos despois traba unha estreita amizade co pintor e debuxante uruguaio Rafael Barradas, un dos principais impulsores da Sociedade de Artistas Ibéricos (SAI), creada a finais de 1924 en Madrid, co obxectivo de incorporar a arte española ás vangardas.

 

En 1927 forma, xunto a Benjamín Palencia –compoñente tamén da SAI– o núcleo da Escola de Vallecas. Seis anos máis tarde, realiza decorados e figurinos para o grupo teatral La Barraca, de Federico García Lorca. En 1936 casa con Clara Sancha, a súa compañeira ata os seus últimos días. O estalido da Guerra Civil sorpréndelle no Escorial. Debido á situación na capital, a súa familia marcha a Valencia, lugar onde vai fixar a súa residencia o Goberno republicano. 

 

Combate na Fronte de Guadarrama, sector de Peguerinos ata que, a finais dese ano, é evacuado a Valencia como profesor de debuxo do Instituto Obreiro, nunha caravana organizada polo Quinto Rexemento. Hai que subliñar que neste corpo militar –formado, na súa orixe, por milicianos comunistas–, ademais do noso escultor, estiveron alistados ou relacionados recoñecidos escritores como Rafael Alberti ou Miguel Hernández, arquitectos (Luis Lacasa), profesores (Josep Renau) ou médicos como Juan Planelles Ripoll.


Alentado polos xa mencionados Luis Lacasa e Josep Renau, participa en 1937 no Pavillón da República Española na Exposición Internacional de París, cun monólito de once metros titulado “O pobo español ten un camiño que conduce a unha estrela”, e os andeis onde se expoñen pezas de arte popular que el mesmo selecciona. Alí relaciónase con coñecidas figuras da arte como os pintores Pablo Picasso e Joan Miró, o escultor barcelonés Julio González ou o escultor norteamericano Alexander Calder. En setembro de 1938, Alberto parte para Moscova como profesor dos nenos españois que se van refuxiar no país soviético, facendo o itinerario La Garriga-Barcelona-Le Havre-Leningrado-Moscova. Na capital rusa traballará na Escola Nº 7 como profesor de debuxo.


Residiu na Unión Soviética ata a súa morte. Desde unha perspectiva puramente artística pódense distinguir dúas etapas: de 1939 a 1956 e a partir de 1956. Na primeira etapa céntrase no seu traballo como escenógrafo, realizando os decorados e modelos para obras tanto de autores rusos como españois, como, por exemplo, “El puente del diablo”, de Tolstoi, para o Teatro Kamerni de Moscova; “La zapatera prodigiosa” e “Bodas de sangre”, de García Lorca, ambas para o Teatro Xitano, ou obras do teatro clásico español, como “El sombrero de tres picos”, de Alarcón, “La dama boba” e “Los dos habladores”, de Lope de Vega –todas elas estreadas no Teatro Ossoaviajin– ou “El alcalde de Zalamea”, de Calderón da Barca, para o Teatro Maikovsky de Moscova. 

 

Despois de 1956, retoma a actividade de escultor –que non abandonará ata o seu pasamento–, dando como resultado medio centenar de pezas destacadas. En 1957 colabora nos decorados da película “Don Quijote”, do director de cinema vangardista nacido en Kiev, Grigori Kózintsev, e o ano seguinte realiza os decorados de “La casa de Bernarda Alba”, para o Teatro Stanislavsky.

 

A relación de Alberto con Ferrol


En 1979 Ferrol recibe un agasallo da Fundación Alberto: a obra en bronce “Toros Ibéricos”, que se instala na praza de Armas. Segundo o xornalista Man Castro, “a escultura foi exhibida nunha exposición que organizou o Ateneo Ferrolán nos baixos do edificio consistorial e que se prolongou durante todo o mes de novembro de 1979. Á clausura acudiu a viúva do escultor, Clara Sancha, quen sinalou que 'Toros Ibéricos' era a primeira obra do seu falecido marido que se expoñía nunha praza pública. No convenio que entón se asinou coa mencionada fundación establecíase que a obra debería exhibirse na praza de Armas”.


Ao principio a escultura quedou exposta no lateral da rúa Rubalcava. O pedestal que sostén os touros realizouno o escultor fenés Guillermo Feal, e leva unha pequena inscrición en lembranza dese agasallo: “Touros ibéricos de Alberto (1895-1962). A Fundación Alberto ao pobo de Ferrol a traveso de Ateneo 1979”. A escultura caeu do pedestal en setembro de 2021. Tras colocarlle uns novos pasadores para suxeitala á peaña, regresou á praza seis meses despois.


Do mesmo xeito que outros artistas e intelectuais refuxiados en Europa e América, Alberto foi un republicano comprometido, un home de esquerdas vítima do franquismo, que se veu obrigado a exiliarse na fría e lonxincua Moscova, onde deixou un inmenso legado artístico.

NESSUN DORMA | Alberto, escultor

Te puede interesar